Corpus de Referencia do Galego Actual

Como me podo dar de alta?

O acceso ao sistema de buscas é totalmente aberto e gratuíto, non precisa darse de alta.

Que navegador podo usar?

Pode utilizar calquera navegador que estea relativamente actualizado, tendo en conta que debe ter activada a aceptación de cookies e javascript para o correcto funcionamento do sistema.

Como debo citar o corpus?

Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades: Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) [3.1] - <http://corpus.cirp.gal/corga> [Data da consulta]

Cando estou esperando por un resultado o navegador amosa a seguinte mensaxe: "No se puede mostrar la página".

En primeiro lugar debe saber que o servidor da aplicación de consulta do corpus non é o que lle dá esa mensaxe. En ocasións as conexións a Internet fanse a través dun proxy. Estes proxies teñen, habitualmente, un tempo de caducidade das páxinas que acostuma ser inferior aos 10 minutos que temos na aplicación de consulta do corpus, polo que pode ocorrer que a páxina caduque antes de que se lle devolva o resultado e apareza ese problema. Polo tanto, neste caso debe poñerse en contacto co seu administrador de rede ou o seu provedor de servizos de Internet para que lle ofrezan unha solución.

Non son capaz de escoitar os arquivos de son que se descargan.

Cando se preme para reproducir o son dun resultado, o seu navegador intentará descargar o fragmento de son desexado, polo que un primeiro requisito para poder reproducilo é que teña un reprodutor multimedia instalado no seu ordenador. O normal é que xa teña algún instalado, pero se non é o caso, pode instalar un gratuíto de http://www.videolan.org

Que se reproduza automaticamente o son ao premer ou non depende da configuración particular do seu ordenador. Se non se reproduce o son dun xeito automático tras premer para escoitalo, moi probablemente terá os arquivos descargados na carpeta de descargas (ou na carpeta que lle indicara ao navegador cando fixera a descarga), polo que poderá reproducilos indo a esa carpeta e premendo no ficheiro de son que corresponda.

Algunhas consultas tardan moito.

A inmensa maioría de consultas realizadas polos usuarios do sistema resólvense con rapidez, normalmente non van máis alá duns poucos segundos. Pero a potencia do sistema de consultas dispoñible actualmente fai que algúns tipos de consultas poidan chegar a tardar demasiado. Se isto ocorre, a nosa recomendación é intentar delimitar máis a consulta para obter menos resultados: acoutar a busca a un só tipo de medio ou tipo de texto, refinar a secuencia de texto de busca se se empregaron comodíns nela etc.

Cando abro o arquivo cos resultados descargados coa aplicación Microsoft Excel xorden problemas coa codificación ou a disposición.

Se vostede ten instalada a aplicación Microsoft Excel no seu ordenador, garde o arquivo de resultados en vez de abrilo directamente. Unha vez descargado e gardado o arquivo, execute o programa Microsoft Excel e seleccione "Datos / Desde texto". Unha vez elixa o arquivo descargado, no cadro ou cadros de diálogo que van aparecendo debe seleccionar a codificación de caracteres UTF-8 e indicar que o carácter de separación de campos é a tabulación.

Por que a mesma busca por palabra ortográfica e por elemento gramatical devolve resultados dispares?

Se o número de ocorrencias que nos devolve o sistema nunha busca puntual por palabra ortográfica é menor ca se facemos esa mesma procura por elemento gramatical, comprobe se está habilitada a sensibilidade ás maiúsculas e minúsculas, posto que a palabra que busca pode aparecer a comezo de enunciado e escribirse en maiúscula, o que fai que nas consultas por palabra ortográfica sexa pertinente a diferenza, mentres que na procura por elemento gramatical a inicial maiúscula só pode aparecer nos distintos tipos de nomes propios.

Por que se fago unha busca con ! ou ? devolve resultados que non teñen que ver co que pido?

Probablemente non está tendo en conta que o signo de admiración de peche emprégase como operador booleano para impedir a aparición das palabras, formas, etiquetas ou lemas que precede, e que o signo de interrogación de peche substitúe calquera carácter que poida aparecer na posición na que se sitúa.

Para empregar ? e ! como signos de puntuación nas procuras por elementos gramaticais debe precedelos sen espazos entre eles a barra oblicua invertida ‘\’, acción que xa cobre o sistema cando se quere empregar algunha desas dúas etiquetas e se introducen a través do menú amigable dispoñible.

Por que aparecen casos de participios se a miña procura solicitaba só imperativos?

Cando se formaliza a consulta con etiquetas a través do menú amigable, o valor calquera é substituído na caixiña da etiqueta por un asterisco, para que se vostede decide non concretar a etiqueta completa poida realizarse igualmente a consulta. Agora ben, nalgúns casos coincide máis dun valor representado polo mesmo carácter, só que en diferente posición na cadea, e dado que o asterisco substitúe un, ningún ou varios, fai que conflúan na formalización da procura. Así, se se busca na categoría Verbo, tempo calquera e modo imperativo, a etiqueta resultante, V*m*, habilita a recuperación tamén dos participios masculinos, xa que estes tamén son Verbo e teñen un m na súa etiqueta, o correspondente ao xénero masculino: V0p0ms, V0p0mp.

Por que se fago unha consulta restrinxíndoa a textos ficticios aparecen nos resultados concordancias que teñen áreas temáticas?

É habitual que as obras de teatro e as coleccións de relatos curtos inclúan prólogos de presentación ou análise, polo que, malia que se atopan no interior da obra de teatro ou colección, son documentos á parte que teñen asociada como mínimo unha área temática.

Esta web utiliza cookies propias e de terceiros co único propósito de analizar o uso da propia web. Se continúa navegando consideramos que acepta a súa utilización.