Buscador Sobre TERGAL

Inicio > Guía de uso

Guía de uso    

TERGAL é un banco de datos terminolóxico monolingüe en galego con equivalencias nas principais linguas estranxeiras, ademais doutras linguas románicas próximas a nós. Cada rexistro recolle a información relativa a unha realidade concreta, tanto a de carácter lingüístico, representada polas denominacións do concepto nas distintas linguas e as categorías gramaticais que lles corresponden, como a de carácter conceptual, expresada pola definición e a área temática.

Para facer buscas na aplicación, pódese escribir o termo desexado, ou unha parte do mesmo, na caixa de busca. Tamén é posible especificar a lingua da consulta e restrinxir os resultados a unha área temática ou categoría gramatical concretas. A continuación pódese consultar información máis detallada sobre cada un dos campos de datos da aplicación.

Termos    

En primeiro lugar, e con tipografía destacada, móstranse as denominacións galegas recomendadas para cada concepto. Estas teñen carácter prescritivo, xa que se basean nas resolucións adoptadas pola Comisión de Validación da Real Academia Galega, no dicionario normativo ou nos acordos adoptados no seo de TERMIGAL. O uso da cursiva nunha entrada responde á súa consideración de estranxeirismo non adaptado ao sistema galego.

As denominacións lematízanse atendendo á forma canónica das palabras, agás no caso das excepcións citadas a continuación, e as unidades pluriverbais preséntanse ordenadas secuencialmente, segundo a estrutura lóxica na frase.

Nas formas con variación de xénero, como no caso de certos substantivos ou adxectivos referidos a persoas ou os seus oficios, a flexión especifícase no propio campo do termo. Para facilitar as buscas, as denominacións femininas inclúense a continuación dos seus correspondentes masculinos, nas súas formas plenas e precedidas dunha coma, por exemplo, actor secundario, actriz secundaria. Desta forma, elimínanse posibles vacilacións na aplicación dos sufixos correspondentes, ademais de evitar que os desdobramentos e os signos de puntuación empregados dificulten a localización do termo. En cambio, nas definicións e notas preferiuse utilizar o masculino como englobador dos dous xéneros para evitar que os desdobramentos interrompan a lectura e recarguen o contido conceptual das oracións.

Os substantivos e adxectivos recóllense na súa forma singular, agás naqueles casos de plurais lexicalizados (por exemplo, miúdos no ámbito da alimentación) ou nos que o plural exprese mellor o significado recollido ou reflicta un uso maioritario (como os créditos dunha obra audiovisual). Os verbos lematízanse en infinitivo, sen especificación das formas enclíticas dos pronomes.

A continuación das formas galegas visualízanse as denominacións que recibe o concepto noutras linguas, principalmente en castelán, inglés, francés e portugués, aínda que algúns rexistros poden incluír adicionalmente outras. Estas denominacións teñen carácter descritivo, xa que este proxecto non ten por obxectivo a estandarización das linguas estranxeiras. As linguas abrévianse utilizando os códigos de dúas letras especificados na norma internacional ISO 639-1:

galegogl
portuguéspt
castelánes
catalánca
francésfr
italianoit
neerlandésnl
romanésro
occitanooc
sardosc
corsoco
inglésen
alemánde
latínla

Con todo, nesta norma só se inclúen códigos de dúas letras para as principais linguas, de modo que as que non aparecen aquí recollidas abrévianse mediante os códigos de tres letras especificados na norma internacional ISO 639-2:

friulanofur
ladinolad
arromanésrup

Cando existen diferenzas denominativas entre territorios coa mesma lingua oficial, inclúese a continuación da lingua unha marca para indicar que se trata dunha variante empregada nun ámbito xeográfico determinado. Os territorios das variedades diatópicas preséntanse codificados segundo a norma ISO 3166-1:

portugués de Portugalpt [PT]
portugués de Brasilpt [BR]
español de Españaes [ES]
español de Méxicoes [MX]
francés de Franciafr [FR]
francés de Bélxicafr [BE]
francés de Canadáfr [CA]
inglés do Reino Unidoen [GB]
inglés dos Estados Unidosen [US]
Nomes científicos    

Nos rexistros correspondentes a seres vivos, o nome científico que se lles atribúe inclúese entre as denominacións existentes para ese organismo, xa que permite a súa identificación universal, sen os problemas de ambigüidade, sinonimia e polisemia existentes nos nomes vernáculos. A aplicación permite localizar rexistros tanto a partir do nome común das especies como a partir do seu nome científico. Se se desexa restrinxir a busca aos nomes científicos, pódese seleccionar esta opción no cadro despregable da categoría.

Para a especificación dos nomes científicos séguense as normas internacionais de nomenclatura, de modo que se recollen nomes uninominais para os xéneros e grupos taxinómicos superiores, binomiais para as especies e trinominais para as subespecies e variedades. Os nomes científicos destácanse en cursiva, co xénero escrito con maiúscula inicial e os epítetos que o acompañan en minúsculas, e mostran a categoría “nome científico”. A pesar de consignar os nomes recomendados polas autoridades de cada materia, cómpre ter en conta que poden non estar actualizados en todo momento debido á constante revisión á que se someten as clasificacións taxinómicas. De perseguir o rigor científico na citación dunha especie, recoméndase consultar as fontes de referencia para cada materia, como poden ser Flora Iberica e Germplasm Resources Information Network (GRIN) para as plantas, FishBase para os peixes, AlgaeBase para as algas, Avibase para as aves ou Index Fungorum para os fungos.

Categorías    

Os termos van seguidos da categoría gramatical que lles corresponde, que achega información morfosintáctica sobre o seu uso ao tempo que axuda a delimitar o concepto. A categorización dos termos responde aquí a un criterio funcional, e non simplemente morfolóxico, pois está baseada na función que desempeña cada termo no discurso. Nesta versión do produto non se mostran todas as categorías gramaticais nalgúns rexistros, mais espérase poder incluílas en breve.

Para codificar as categorías gramaticais empregáronse as seguintes abreviaturas:

abrev.abreviatura (TV)
adv.adverbio (fidedignamente)
adx.adxectivo (quente)
interx.interxección (acción!)
loc.adv.locución adverbial (a lume forte)
loc.adx.locución adxectiva (a cores)
loc.s.locución substantiva que permite flexión de xénero (cazador de talentos, cazadora de talentos) ou sen xénero (en inglés, hand tool)
loc.s.amb.locución substantiva de xénero ambiguo (en castelán, azúcar de remolacha)
loc.s.f.locución substantiva feminina (fibra óptica)
loc.s.f.pl.locución substantiva feminina utilizada en plural (herbas aromáticas)
loc.s.m.locución substantiva masculina (peixe rei)
loc.s.m./f.locución substantiva que mantén a mesma forma para o masculino e o feminino (líder de opinión)
loc.s.m.pl.locución substantiva masculina utilizada en plural (recursos humanos)
loc.s.n.locución substantiva de xénero neutro (en romanés, ax pedalier)
loc.s.n.pl.locución substantiva neutra utilizada en plural (en romanés, coarne ghidon)
loc.s.pl.locución substantiva utilizada en plural que permite flexión de xénero ou sen xénero marcado (en inglés, working hours)
loc.v.locución verbal (asignar de oficio)
n.propionome propio (Estatuto dos traballadores)
nome científiconome científico dunha especie (Merluccius merluccius)
pref.prefixo (tele-)
s.substantivo que permite flexión de xénero (dobrador, dobradora) ou sen xénero (en inglés, fluorine)
s.amb.substantivo de xénero ambiguo (vodka)
s.amb.pl.substantivo de xénero ambiguo utilizado en plural (en francés, gens)
s.f.substantivo feminino (neurona)
s.f.pl.substantivo feminino utilizado en plural (prácticas)
s.m.substantivo masculino (prato)
s.m./f.substantivo que mantén a mesma forma para o masculino e o feminino (xornalista)
s.m.pl.substantivo masculino utilizado en plural (miúdos)
s.n.substantivo neutro (en alemán, Auto)
s.pl.substantivo utilizado en plural sen xénero (en inglés, scissors)
siglasigla ou acrónimo (en inglés, LCD)
sigla f.sigla ou acrónimo de xénero feminino (ADSL)
sigla f.pl.sigla ou acrónimo de xénero feminino usada como plural (TIC)
sigla m.sigla ou acrónimo de xénero masculino (DVD)
sigla m./f.sigla ou acrónimo que presenta a mesma forma para o masculino e o feminino (UDVP)
sigla m.pl.sigla ou acrónimo de xénero masculino usada como plural (DVE)
símb.símbolo (Pb)
suf.sufixo
v.verbo
v.i.verbo intransitivo (xesticular)
v.i./p.verbo intransitivo e pronominal (agrear)
v.p.verbo pronominal (avinagrar)
v.t.verbo transitivo (cifrar)
Validación    
Os rexistros inclúen un campo de validación no que se reflicte o grao de estandarización do termo galego. O máis elevado corresponde ao estado Oficial, asignado ás voces recollidas no dicionario normativo: o Dicionario da Real Academia Galega. O seguinte nivel, Comisión, indica que a denominación galega foi aprobada pola Comisión de Validación da Real Academia Galega. O terceiro estado, Termigal, atribúese a aquelas formas documentadas nalgunha publicación deste servizo. Levan o estado Admitido os termos galegos que, aínda que non son os recomendados, non poden considerarse incorrectos. Por último, mostran o estado Normal os equivalentes recollidos en linguas distintas do galego, para os que non se establecen distincións verbo da súa oficialidade.
Definicións    
A continuación das denominacións móstrase unha definición breve e precisa que explica o seu significado no ámbito temático especificado, e que resulta esencial para identificar a noción á que fan referencia. As definicións deste produto terminolóxico, ao igual que nunha obra lexicográfica, expresan o significado dos termos e, ademais de especificar os seus trazos máis característicos, fan tamén referencia a aqueloutros que permitan diferenciar un termo daqueles cos que se relaciona semanticamente. Con todo, algunhas das fontes utilizadas no baleirado inicial carecían de definicións, polo que se irán engadindo a medida que se complete a súa redacción.
Tecnolectos    
Os rexistros mostran outro tipo de información de carácter conceptual: os tecnolectos. As áreas temáticas teñen unha gran relevancia nos produtos terminolóxicos, xa que permiten identificar as linguaxes de especialidade nas que se usan os termos. Algunhas denominacións utilízanse exclusivamente nunha linguaxe específica, outras adquiren diferentes significados en función da área na que se usen e outras poden empregarse en diversos ámbitos co mesmo significado, polo que a especificación do tecnolecto nas pantallas de busca e de resultados permite ofrecer resultados máis precisos aos usuarios.
Notas    
Nalgúns rexistros inclúense notas que poden achegar información tanto de tipo conceptual como lingüístico. En ocasións, recollen datos adicionais sobre o concepto ou completan algún aspecto da definición. Outras veces fan referencia a diversos aspectos das denominacións, como o seu nivel de uso, vixencia ou ámbito xeográfico no que se emprega, ademais de informar sobre a pronuncia de determinados fonemas ou a formación do plural dalgún termo dubidoso.

nobody