CRPIH

Características técnicas de Cadernos de Fraseoloxía Galega

  1. Cadernos de Fraseoloxía Galega (CFG) é unha revista de temática fraseolóxica que posúe tres obxectivos fundamentais:

    1. contribuír á reflexión sobre o ámbito fraseolóxico,
    2. difundir materiais fraseolóxicos galegos inéditos, e
    3. dar a coñece-los eventos e as publicacións máis importantes verbo da fraseoloxía, moi especialmente da fraseoloxía galega.

    Debe terse en conta que se entende o termo fraseoloxía nun sentido amplo, dando cabida non só ás locucións, senón tamén ás colocacións, ós termos compostos sintagmáticos e ás paremias. De acordo con estes obxectivos, a revista subdivídise en catro seccións:

    1. Estudos: publicaranse artigos de investigación orixinais sobre fraseoloxía, aceptándose tanto reflexións de corte esencialmente teórico como traballos aplicados (tradución, didáctica, fraseografía...). O corpus de análise pode se-lo repertorio fraseolóxico de calquera lingua.
    2. Recadádivas: publicaranse recolleitas orixinais de fraseoloxía galega.
    3. Recensións: publicaranse recensións críticas orixinais de obras recentes de temática fraseolóxica.
    4. Novas: daranse a coñecer congresos, proxectos, traballos e publicacións (obras recibidas na redacción) relacionados co ámbito fraseolóxico. Farase fincapé na difusión de traballos académicos inéditos.
  2. A lingua de publicación é a galega seguindo as normas da Real Academia Galega. Pero os artigos que chegen á redacción poden estar escritos en calquera lingua románica da Península Ibérica, en francés, en italiano ou en inglés. Excepcionalmente admitiranse artigos en alemán ou en ruso. Cando un artigo supere o proceso de revisión e resulte aceptado, a revista ofrecerá un servizo gratuíto de tradución ó galego.

  3. Cadernos de Fraseoloxía Galega ten unha periodicidade anual e fai dúas edicións: a primeira en papel no último mes do ano; a segunda, en formato electrónico, a partir de xullo do ano seguinte: tódolos artigos publicados poden consultarse en PDF en http://www.cirp.es/

  4. Os traballos deben elaborarse sobre a folla de estilo CFG-folladeestilo-Stylesheet.doc que se pode encontrar en http://www.cirp.es/rec2/cfg.html

    A extensión máxima desexable para os artigos da sección Estudos é de aproximadamente 3950 palabras (15 páxinas) e a mínima de 1830 palabras (8 páxinas), para as recensións un máximo de 1370 (5 páxinas) e un mínimo de 750 (3 páxinas). No caso das Recadádivas, aínda que se recomenda unha extensión similar á indicada para os traballos da sección Estudos, faranse algunhas excepcións en consideración ó carácter do material recollido.

    Como se pode comprobar na folla de estilo indicada, tódolos artigos deben ir encabezados por un resumo e palabras clave. O resumo, as palabras clave e o título do artigo deben figurar tanto en galego como en inglés.

  5. Os orixinais deberán enviarse en versión electrónica (compatible cos procesadores de texto máis usuais para PC) ó enderezo electrónico paremias@cirp.es. No caso de ser preciso, o autor deberá facer chegar á redacción da revista os permisos necesarios que aseguren o respecto á propiedade intelectual na reprodución dos materiais utilizados no artigo. Para tal caso, o enderezo postal é o seguinte:

    Cadernos de Fraseoloxía Galega
    Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
    Estrada Santiago-Noia, Km. 1 – A Barcia
    15896 Santiago de Compostela
    Galicia (España)