CRPIH

Directrices para autores/as

Taxas de publicación

Cadernos de Fraseoloxía Galega non cobra ningún tipo de taxa de publicación ou cargo polo procesamento dos artigos. O procedemento é totalmente gratuíto e, dende o número 18, o acceso aos contidos é aberto.

Recepción de orixinais

  • Cadernos de Fraseoloxía Galega só admite traballos orixinais e inéditos. A recepción dun traballo non implica a súa publicación. Os/as autores/as recibirán unha comunicación electrónica da aceptación do seu traballo ou coas modificións necesarias para a súa publicación.
  • A data límite de achega de contribucións potencialmente publicados é o 1 de marzo (todo retraso deberá ser debidamente xustificado) e a periodicidade da publicación é anual.
  • As contribucións deben achegarse nun formato editable, como LibreOffice, Word ou RTF.
  • A lingua de publicación é o galego, mais acéptanse traballos escritos en calquera lingua románica da Península Ibérica, así como en inglés, francés ou italiano. Excepcionalmente, admitiranse contribucións en alemán ou ruso. Cando unha contribución supere o noso proceso de revisión e resulte aceptada, a revista ofrecerá un servizo gratuíto de tradución ao galego.
  • A extensión máxima desexable para os artigos da sección Estudos é de aproximadamente 3950 palabras (15 páxinas) e a mínima de 1830 palabras (8 páxinas); para as recensións, un máximo de 1370 (5 páxinas) e un mínimo de 750 (3 páxinas). No caso das Recadádivas, aínda que se recomenda unha extensión similar á indicada para os traballos da sección Estudos, faranse algunhas excepcións en consideración ó carácter do material recollido.

Folla de estilo

As normas de estilo da revista están recollidas nunha folla de estilo que pode descargarse premendo aquí: folla_de_estilo_CFG.pdf.

Para a achega de artigos dirixidos á sección “ESTUDOS”, recomendamos que empreguen o noso modelo, ademais de seguir as directrices indicadas. PREMA AQUÍ PARA DESCARGALO: 00_CFG_Modelo-Template.docx

Proceso de revisión

Cadernos de Fraseoloxía Galega funciona co sistema de dobre revisión anónima ou revisión por pares cegos, no cal os revisores son externos ao equipo editor da revista. En principio, a data límite para o envío de traballos potencialmente publicables no ano en curso é o 1 de marzo (todo retraso deberá ser debidamente xustificado). Os artigos recibidos ata esta data que, a xuízo do Consello de Redacción, cumpran os requisitos mínimos para a súa publicación, remitiranse en forma anónima a dous revisores expertos, que deberán emitir un informe tamén anónimo sobre:

  • a coherencia do traballo cos intereses temáticos de CFG;
  • a súa adecuación ós criterios de calidade de CFG;
  • a orixinalidade, relevancia, adecuación da metodoloxía, adecuación das conclusións, presentación da información, e explotación de bibliografía;
  • a recomendación sobre a publicación total, total con modificacións ou sobre o rexeitamento do traballo.

Os artigos publicaranse se os dous informes son positivos. Se só unha das avaliacións recomenda a publicación, os traballos remitiranse a un terceiro informante, de tal xeito que a súa valoración será definitiva. Se os informes recomendaren a publicación condicionándoa a que o autor ou autora introduza certas modificacións, estes deberán realiza-las oportunas modificacións preferentemente no prazo de dez días ou, en caso de tal, presenta-las alegacións ós cambios indicados. En recibindo os traballos modificados, o Consello de Redacción deberá acorda-la súa aceptación ou o rexeitamento definitivo. Os editores dos traballos poderán alterar levemente os traballos recibidos co único obxectivo de corrixir erros mecánicos ou lingüísticos.

Aviso dos dereitos de autoría

Cadernos de Fraseoloxía Galega contou con dúas edicións ata o número 17: a primeira en papel e, seis meses despois, en formato electrónico. A partir do número 18, só se publica en liña na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Santiago de Compostela). Ademais, Cadernos de Fraseoloxía Galega figura en elencos bibliográficos e páxinas de referencia de diferentes países que manteñen hiperligazóns a esta revista, como se especifica na páxina de créditos e na sección “Impacto e visibilidade” desta web.

Cadernos de Fraseoloxía Galega opera baixo a licenza CC-BY-NC-ND, a cal obriga a citar a autoría e a publicación do artigo en caso de copia ou distribución e impide tanto o seu uso con fins comerciais como a distribución de material derivado. Ademais, pasados seis (6) meses dende a publicación da contribución, os autores e autoras poderán reutilizar a súa obra de forma non comercial. Isto significa que, en canto o artigo se publique, animamos aos autores a difundilo a través dos medios non comerciais que estimen oportunos (repositorios institucionais, webs persoais, redes sociais, plataformas como ResearchGate, Academia.edu ou similares, etc.); así mesmo, seis meses despois CFG autoriza aos autores a traducir o artigo e/ou publicalo noutros medios (revistas, libros, etc.) sempre e cando estes non sexan comerciais e se cite a publicación orixinal. No caso de querer facer un uso non permitido por esta licenza, o/a autor/a deberá contactar connosco para estudar o caso.