CRPIH

Declaración de boas prácticas de Cadernos de Fraseoloxía Galega

A redacción de Cadernos de Fraseoloxía Galega (CFG) amosa o seu compromiso coa comunidade científica á hora de garantir a ética e calidade de todos os artigos e traballos publicados. A devandita publicación adhírese ao Código de conducta e boas prácticas, establecido polo Comité de Ética de Publicaciones (COPE) coa fin de regular os aspectos éticos nas revistas científicas. Por outro lado, asegura a calidade dos materiais publicados, protexendo e respetando tanto o contido dos artigos como a súa integridade. O Comité Científico e o Consello de Redacción comprométense a publicar correccións, aclaracións e desculpas no caso de que sexan necesarias.

De acordo con isto, CFG ofrece na súa páxina web información sobre o proceso de selección dos artigos e a súa avaliación, así como os criterios que deben seguir as persoas revisoras. CFG só admite traballos orixinais e inéditos e funciona co sistema de dobre revisión anónima, no cal os revisores son externos ao equipo editor da revista. En principio, a data límite para o envío de traballos potencialmente publicables no ano en curso é o 1 de marzo (todo retraso deberá ser debidamente xustificado). Os artigos recibidos ata esta data que, a xuízo do Consello de Redacción, cumpran os requisitos mínimos para a súa publicación, remitiranse en forma anónima a dous revisores expertos, que deberán emitir un informe tamén anónimo sobre a coherencia do traballo cos intereses temáticos de CFG; a súa adecuación ós criterios de calidade de CFG; a orixinalidade, relevancia, adecuación da metodoloxía, adecuación das conclusións, presentación da información, e explotación de bibliografía e a recomendación sobre a publicación total, total con modificacións ou sobre o rexeitamento do traballo. Os artigos publicaranse se os dous informes son positivos. Se só unha das avaliacións recomenda a publicación, os traballos remitiranse a un terceiro informante, de tal xeito que a súa valoración será definitiva. Se os informes recomendaren a publicación condicionándoa a que o autor ou autora introduza certas modificacións, estes deberán realizar as oportunas modificacións preferentemente no prazo de dez días ou, en caso de tal, presentar as alegacións ós cambios indicados. Ao recibir os traballos modificados, o Consello de Redacción deberá acordar a súa aceptación ou o rexeitamento definitivo. Os editores dos traballos poderán alterar levemente os traballos recibidos co único obxectivo de corrixir erros mecánicos ou lingüísticos. A nosa revista garante en todo momento a confidencialidade do proceso de avaliación, que inclúe o anonimato dos avaliadores e dos autores, o contido avaliado, o informe emitido polos avaliadores e calquera outra comunicación emitida polo Consello de Redacción. Tamén se manterá a confidencialidade ante posibles aclaracións ou reclamacións que un autor desexe remitir aos comités da revista ou aos avaliadores dun artigo.

O Consello de Redacción e o Comité Científico tomarán medidas para identificar e evitar a publicación de artigos onde se producira unha mala conducta na investigación, sen en ningún caso fomentar estas malas prácticas nin tampouco permitilas. No caso de que sexan informados de calquera denuncia de mala práctica na investigación, o director/a tratará as ditas denuncias de maneira axeitada. Como é obvio, o plaxio é unha práctica fraudulenta e está estritamente prohibido. Os textos que se identifiquen como plaxiados serán eliminados da revista, se xa foran publicados, ou non se publicarán.

Ao publicar en Cadernos de Fraseoloxía Galega, o autor cede todos os dereitos de explotación do seu artigo ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, de Santiago de Compostela, que, coas condicións e limitacións dispostas pola lexislación en materia de propiedade intelectual, é o titular do copyright. Esta titularidade concede ao dito Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades o dereito para todo o mundo a: publicar a versión final do artigo na revista e distribuílo e/ou comunicalo publicamente, tanto na revista en si coma noutros medios relacionados, en formato impreso, dixital ou calquera outro que poida inventarse no futuro; traducir ou realizar resumos/abstracts do artigo e distribuílos e/ou comunicalos publicamente, e autorizar ou ceder a terceiros o mesmo dereito e depositar copias ou referencias do artigo en arquivos en liña tanto en plataformas propias do devandito Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades de Santiago de Compostela coma en plataformas de terceiros autorizadas polo devandito Centro. Ao aceptar as condicións de publicación expresadas pola nosa revista, os autores declaran que o artigo e os materiais asociados a el son orixinais e non infrinxen a lexislación en materia de dereitos de autor. Ao mesmo tempo, tamén declaran, no caso de autoría compartida, que houbo pleno consenso de todos os autores afectados e que o traballo non foi presentado nin publicado con anterioridade noutro medio de difusión, nin tampouco postulado para outra revista.