A redacción de Cadernos de Fraseoloxía Galega (CFG) amosa o seu compromiso coa comunidade científica á hora de garantir a ética e a calidade de todos os artigos e traballos publicados. A devandita publicación adhírese ao Código de conducta e boas prácticas establecido polo Committee on Publications Ethics (COPE) co fin de regular os aspectos éticos nas revistas científicas. Por outro lado, asegura a calidade dos materiais publicados, protexendo e respectando tanto o contido dos artigos como a súa integridade e operando baixo o principio de non discriminación. O equipo editorial, composto polo Comité Científico e o Consello de Redacción, comprométese a publicar correccións, aclaracións e desculpas no caso de que sexan necesarias.
De acordo con isto, CFG ofrece na súa páxina web información sobre o proceso de selección dos artigos e a súa avaliación, así como os criterios que deben seguir as persoas revisoras. CFG só admite traballos orixinais e inéditos e funciona co sistema de dobre revisión anónima, no cal os revisores son externos ao equipo editor da revista.
En principio, a data límite para o envío de traballos potencialmente publicables no ano en curso é o 1 de marzo (todo retraso deberá ser debidamente xustificado). Os artigos recibidos ata esta data que, a xuízo do Consello de Redacción, cumpran os requisitos mínimos para a súa publicación, remitiranse en forma anónima a dous revisores expertos. A nosa revista garante en todo momento a confidencialidade do proceso de avaliación, que inclúe o anonimato dos avaliadores e dos autores, o contido avaliado, o informe emitido polos avaliadores e calquera outra comunicación emitida polo Consello de Redacción. Tamén se manterá a confidencialidade ante posibles aclaracións ou reclamacións que un autor desexe remitir aos comités da revista ou aos avaliadores dun artigo. Así mesmo, o Comité Editorial comprométese a supervisar o proceso de revisión co fin de garantir a súa máxima calidade; no caso de sospeitar que unha revisión foi fraudulenta, o comité investigará a situación e actuará en consecuencia.
O Consello de Redacción e o Comité Científico tomarán medidas para identificar e evitar a publicación de artigos onde se producira unha mala conducta na investigación, para en ningún caso fomentar estas malas prácticas nin tampouco permitilas. No caso de que sexan informados de calquera denuncia de mala práctica na investigación, a dirección da revista tratará as devanditas denuncias de maneira axeitada.
Como é obvio, o plaxio (é dicir, o emprego de material ou ideas doutra persoa sen citar a súa autoría), incluído o autoplaxio (entendido como o uso de material propio xa publicado sen citar a súa procedencia), é unha práctica fraudulenta e está estritamente prohibida. No caso de que a publicación sexa un extracto ou reformulación dunha tese doutoral ou de calquera outro tipo de traballo académico, os/as autores/as deben informar ao comité editorial ao enviar a contribución e, unha vez superada a avaliación por pares cegos, incluír unha nota a pé ao comezo do traballo onde se explique esta circunstancia. En caso contrario, considerarase plaxio.
Cadernos de Fraseoloxía Galega comproba que todas as contribucións están libres de plaxio mediante o uso dos recursos e ferramentas deseñados para tal fin. Deste xeito, os textos que se identifiquen como plaxiados serán eliminados da revista (se xa foran publicados) ou non se publicarán. Neste sentido, o comité editorial terá en conta as retractacións e correccións que se poidan producir. No caso de que a revista, un autor ou autora cometesen un erro, indicarase este feito no seguinte número publicado. Xeralmente, estas correccións resérvanse para artigos con erros flagrantes nos seus resultados ou conclusións. Só se retirará unha contribución da web en casos excepcionais, como no caso de que 1) se detecte plaxio, 2) precisemos cumprir as nosas obrigas legais ou 3) sospeitemos que podería haber consecuencias legais por conter un artigo material confidencial, difamatorio, que viola a privacidade dalgunha persoa ou que non cumpre a lexislación referente á confidencialidade ou á propiedade intelectual. Neste caso, engadirase un aviso na web explicando claramente o motivo da súa retirada.
O comité editorial resérvase o dereito a alterar levemente os traballos recibidos co único obxectivo de corrixir erros mecánicos, lingüísticos ou estilísticos. Ademais, no caso de traballos recibidos noutras linguas, ofrecerá un servizo gratuíto de tradución ao galego que utilizará a linguaxe inclusiva e evitará a discriminación de xénero.
Por outra parte, Cadernos de Fraseoloxía Galega ten un firme compromiso coa investigación aberta. Por iso, a revista está dispoñible en acceso aberto na web da revista inmediatamente despois da súa publicación, así como indexada en DOAJ, cuxos principios o comité editorial tamén subscribe.
En xeral, Cadernos de Fraseoloxía Galega considerará autora a aquela persoa que contribuíu significativamente ao deseño, análise ou interpretación da información recollida nun traballo. Non obstante, tamén poderán considerarse autoras ás persoas que deseñaron o traballo e fixeron unha revisión crítica cunha importante achega intelectual.
Co fin de garantir a transparencia das autorías, todas as contribucións científicas recollidas na revista han de ir acompañadas dos identificadores únicos (ORCID) de todas as persoas autoras. Así mesmo, estas deben incluír a(s) institución(s) á(s) que están adscritas e o seu enderezo electrónico de contacto (a poder ser, un de carácter oficial).
No caso das autorías compartidas ou coautorías, todas as persoas consideradas “autoras” declaran que houbo pleno consenso de todas elas e que o traballo non foi presentado nin publicado con anterioridade noutro medio de difusión, nin tampouco postulado para outra revista. Así mesmo, establecerán unha persoa de contacto, coñecida como “autor/a de contacto”, quen se compromete a corrixir e revisar o manuscrito e a actuar en representación do resto de coautores/as á hora de responder as consultas feitas polo comité editorial.
Os/as autores/as comprométense a seguir a normativa da revista recollidas en “Directrices para autores/as” e a realizar as correccións indicadas polos/as revisores/as tras a avaliación por pares cegos. No caso de non estar de acordo con algunha das propostas de revisión, deberán enviar, xunto coa versión revisada, unha comunicación ao comité editorial na que expliquen de forma clara e xustificada as causas do desacordo. Se, en calquera momento do proceso de edición, as/os autores/as detectan algún erro na súa contribución, deberán poñelo inmediatamente en coñecemento do equipo editorial.
A publicación non dará dereito a ningún tipo de remuneración. Do mesmo xeito, os procesos de avaliación, edición e tradución ao galego tampouco terán custo algún para os/as autores/as. Así mesmo, para asegurar que non se dan conflitos de interese, as publicacións deben incluír unha nota a pé onde se indique o financiamento recibido (de habelo) e debe avisarse desta circunstancia ao comité editorial no momento do envío.
As/os autoras/es comprométense a presentar contribucións totalmente orixinais, que non fosen presentadas a outras revistas nin estean xa publicadas (total ou parcialmente). Nos casos nos que se inclúan referencias a outras obras, deben citarse correctamente para evitar calquera tipo de plaxio. En calquera caso, o comité editorial non se fai responsable dunha posible vulneración dos dereitos da propiedade intelectual por parte dos/as autores/as e tomará as medidas necesarias para cumprir coas súas obrigas legais.
Ao publicar en Cadernos de Fraseoloxía Galega, o autor cede todos os dereitos de explotación do seu artigo ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, de Santiago de Compostela, que, coas condicións e limitacións dispostas pola lexislación en materia de propiedade intelectual, é o titular do copyright.
Non obstante, hai que ter en conta que Cadernos de Fraseoloxía Galega opera baixo a licenza CC-BY-NC-ND, a cal obriga a citar a autoría e a publicación do artigo en caso de copia ou distribución e impide tanto o seu uso con fins comerciais como a distribución de material derivado. Co fin de que os/as autores/as poidan facer un uso máis amplo das súas contribucións, poderán reutilizar a súa obra de forma non comercial. Isto significa que, en canto o artigo se publique, están convidados a difundilo a través dos medios non comerciais que estimen oportunos (repositorios institucionais, webs persoais, redes sociais, plataformas como ResearchGate, Academia.edu ou similares etc.). No caso de querer facer un uso non permitido por esta licenza, o/a autor/a deberá contactar coa revista para estudar o caso a través de paremias@cirp.gal ou misabel.gonzalez.rey@usc.es.
Ao aceptar as condicións de publicación expresadas pola nosa revista, os autores declaran que o artigo e os materiais asociados a el son orixinais e non infrinxen a lexislación en materia de dereitos de autor.
A revisión das contribucións achegadas á revista é por pares cegos. Isto significa que autores, revisores e membros do comité editorial deben garantir o anonimato e a confidencialidade de todo o proceso.
As persoas encargadas da revisión dunha contribución deben actuar de acordo con este código ético, así como coas directrices publicadas pola COPE as súas Guidelines for Peer Reviewers. Por iso:
No caso de que un revisor ou revisora (1) crea non estar cualificado/a para avaliar unha contribución, (2) detecte a posible existencia dun conflito de intereses ou (3) considere que non poderá entregar o informe de revisión en prazo e forma, deberá comunicarlle a súa declinación ao comité editorial o antes posible.
A revisión debe ser obxectiva, clara, xustificada, imparcial e seguir os criterios sinalados en “Indicacións para os/as revisores/as” e publicados na páxina web da revista. Así mesmo, evitará calquera crítica de carácter persoal, así como o uso dunha linguaxe ofensiva en respecto aos autores e autoras.
Todas as contribucións son confidenciais, o que implica que os seus contidos non poden ser (1) difundidos, (2) tratados sen permiso do comité editorial nin (3) empregados para investigacións propias sen a autorización dos/as autores/as.
Para calquera consulta sobre o noso código ético ou para manifestar as súas sospeitas de que algunha contribución non se adhire a el, por favor, envíe un email a paremias@cirp.gal. O noso comité editorial comprométese a manter a máxima confidencialidade sempre que sexa posible á hora de tratar este tipo de consultas.
Para calquera consulta sobre a licenza, a reutilización de material dos nosos volumes (incluíndo as traducións) ou un incumprimento do copyright, pode contactar con paremias@cirp.gal ou misabel.gonzalez.rey@usc.es.
Para axilizar o proceso, por favor, inclúa no Asunto do seu correo o código “CFG + [licenza/reutilización do material/copyright/ética”, segundo corresponda.